Victorino Pérez Prieto, doutor en Teoloxía, exerceu 25 anos de párroco ata que foi apartado da Igrexa tras contraer matrimonio. Non está secularizado e pensa que Deus quere que os curas casen e as mulleres se ordenen.
¿Qué o levou a ser sacerdote?
Unha fonda fe relixiosa, marcada progresivamente pola vontade de seguimento de Xesús, mestre, irmán e Señor. Ademais un sentimento de chamada, unha seducción polo traballo pastoral, a nivel relixioso e humano, a paixón pola xustiza dos vellos profetas bíblicos e o compromiso cultural na terra galega.
¿Compartía, daquela, a idea do celibato obrigatorio que defende a Igrexa ou xa tiña as súas dúbidas?
En realidade nunca compartín a condición do celibato obrigatorio que pon a Igrexa para os seus curas. Aceptei esa condición polo que me seducía o servicio ministerial e vivino durante bastantes anos; pero sempre fun moi crítico con él e así o manifestei sempre en público. Nin vin nin vexo lícita esta esixencia; e, a pesar do valor que pode ter e ten nalgúns casos, cada vez estou máis convencido de que produciu na historia da Igrexa máis males que bens.
Cando decidiu casar ¿pensou en deixar a Igrexa?
Nunca. Fun e sigo sendo unha persoa de fondas conviccións relixiosas, particularmente cristiás e sentíndome cura na Igrexa católica. Podía ser doutra confesión cristiá ou doutra relixión, pero o meu camiño relixioso particular é dentro desta Igrexa e así penso seguir.
¿Por que quere seguir nunha Iglexa que nin o acepta nin o entende?
A Igrexa non é propiedade de ninguén. Eu podo ter problemas con algunha xerarquía, pero síntome aceptado nas miñas apostas persoais por unha gran parte desa Igrexa que si comparte o que penso. Particularmente ocorre así coa miña comunidade cristiá, na que vivo e celebro a fe cada semana. Os bispos e o Papa non son os donos da Igrexa; nós tamén somos Igrexa. O Concilio Vaticano II proclamou que a Igrexa non é a xerarquía eclesiástica que a goberna, senón o pobo de Deus, aquela está ao servicio deste, e non ao revés como pensan algúns.
¿Por qué a Igrexa se aferra ó celibato obrigatorio para os sacerdotes?
Por unha cuestión de funcionamento xurídico-patrimonial, unha tradición e uns intereses que veñen de vello pero que non sempre foron así. Hoxe funciona por inercia, irracionalmente, sobre todo pola dificultade de facer un cambio que é reclamado desde hai moitos anos por leigos, curas e mesmo bispos. Durante máis de mil anos a Igrexa católica non tivo como obrigatorio o celibato para os seus curas, ta o Concilio de Trento (s.XVI) no que se impuxo obrigatoriamente para os católicos de rito romano, pois os católicos de rito oriental non teñen esa obriga. Como non a teñen os cristiáns de ningunha das outras confesións.
De poder casar, é seguro que habería máis sacerdotes, pero ¿non cre que moitos deles carecerían da vocación necesaria para exercer este ministerio e so buscarían unha saída profesional?
En realidade, isto xa o están a facer hoxe moitos curas novos, que din descaradamente que isto é so un traballo e que a súa vida privada é só súa. E xa o fixeron desde sempre moitos máis curas; mentres non casen, non saian do armario ou non teñan un escándalo demasiado público, non teñen problema coa xerarquía.
¿Considera que os fieis apoiarían a súa causa se a Igrexa os escoitara?
Eu escoito cada día estes apoios. Se a Igrexa fixera un referendo democrático sobre a obrigatoriedade ou non do celibato ?que non o fará? gañaría por maioría que os curas casen, se queren, e atendan dignamente á súa familia. Como creo que acadaría o ?si? o dereito das mulleres a por ser ordenadas sacerdotes coma os homes. E con iso gañaría moito a vida da Igrexa na sociedade actual. E o que non é menos importante: creo que isto é o que Deus quere para a Igrexa.