Parece que os bispos españois “preparan” a condena de Andrés Torres Queiruga; e o secretario da comisión episcopal que vixía a ortodoxia teolóxica tería un informe xustificando a condena da súa obra.
Non estraña a reacción do propio Queiruga, verbo de que se emitira un xuízo condenatorio sen falar con el; o que estraña é que diga que isto lle resultaría “alleo ao máis elemental sentido democrático e totalmente contrario ao Evanxeo”.
El sabe moi ben que está desde hai tempo no punto de mira dos cancerbeiros da ortodoxia, que o teñen censurado en máis dunha ocasión, sempre veladamente pola seriedade do seu discurso teolóxico; pero a práctica xerárquica de non dialogar cos teólogos, senón só de comunicarlles a súa condena, é tristemente habitual. É posible que tamén nesta ocasión se veñan atrás; aínda que, na deriva “estreita e dogmática” dos bispos españois –que el recoñece-, non sería estraño que esta vez si o condenaran.
Aínda non coincidindo teoloxicamente en todo, esta condena sería un absurdo e un suicidio eclesial, desde o punto de vista da experiencia cristiá da fe e do traballo teolóxico, polo que ten aportado. En particular neste momento no que a Igrexa española está a vivir graves problemas na sociedade, particularmente no diálogo coa cultura, precisamente polas posicións máis ultras de algúns xerarcas.
Hai agora quince anos –con ocasión do seu título de “galego egrexio”– escribín que Andrés Torres Queiruga, mestre, colega no traballo teolóxico e amigo, era non só un teólogo e un intelectual de talla excepcional, senón un verdadeiro “luxo para Galiza”, non porque non mereceramos persoeiros así e moito máis, senón porque non son habituais. Persoeiro e faro na actualización da reflexión teolóxica da fe real, a da xente concreta, e non un xogo intelectual dos profesionais da teoloxía; tamén no compromiso inquebrantable co galego, como lingua deste país, válida para o ensaio filosófico. Con todo, a xente non é parva e saberá situarse.