Enviado a la página web de Redes Cristianas
Ilmo Sr. D. Xosé Antonio Sánchez Bugallo, Alcalde do Concello de Santiago de Compostela
A Asoc. Mulleres Cristiás Galegas Exeria, con domicilio social en Santiago de Compostela, na
rúa Ángel Rodríguez González 20, web www.exeria.org e NIF G25676885 somos unha asociación
feminista e cristiá, presente na vida compostelá desde a súa fundación, no mes de marzo de 1996.
Estamos integradas nas plataformas feministas galegas (Marcha Mundial das Mulleres), así como nas plataformas de teoloxía feministas de ámbito estatal (Revolta das Mulleres na Igrexa, Colectivos de Mulleres e Teoloxía) e de ámbito internacional (Voices of Faith).
Dentro dos nosos obxectivos cae a visibilización das mulleres nas rúas e prazas das cidades, por iso queremos solicitar ao Concello de Santiago de Compostela a visibilización da primeira muller escritora da Hispania, a peregrina Exeria, muller que habitou en Gallaecia do século IV e que dá nome á nosa asociación.
O 9 de novembro de 2017, na inauguración da casa das Mulleres Xohana Torres, expresamos o noso desexo de que se lle puxera o nome de Exeria a algún recuncho da cidade de Santiago. A proposta foi moi comentada e aplaudida polas compañeiras alí presentes. Reforzadas por ese apoio nos diriximos á súa persoa e ao pleno do Consello de Santiago para presentar esta
SOLICITUDE
Coa intervención do Concello na Avenida de Lugo e a aparición dunha nova praza na cidade, vemos a oportunidade para solicitar ao Sr. Alcalde e ao Pleno do Concello de Santiago de Compostela denominar á praza que se vai formar no cruce entre a Avda. de Lugo e a rúa dos Concheiros Praza EXERIA.
As razóns para elixir a figura de Exeria son as seguintes:
• Exeria é unha muller relacionada co feito diferencial cultural galego. A Xeración Nós
sitúa os inicios do feito diferencial galego nos séculos IV-V1
. O mesmo Daniel Castelao, no
seu Discurso Alba de Gloria, pronunciado no Teatro Arxentino de Bos Aires o 25 de xullo de
1948, evoca os símbolos da nosa historia, tanto xeográficos como humanos, soñando cunha
Santa Compaña encabezada por Prisciliano e Exeria, persoas que a Xeración Nós considera
os primeiros fitos da cultura galega.
• Vemos acaído chamar Exeria a unha praza que é lugar de camiño e paso, no Camiño
Francés a Compostela, habida conta que Exeria foi a primeira peregrina da que temos
constancia na Hispania. Exeria percorreu Terra Santa entre os anos 382 e 385 para coñecer
de primeira man os lugares de referencia da fe cristiá. Dado que Santiago de Compostela é
un dos tres centros de peregrinación cristiá (xunto con Xerusalén e Roma) é de lei ter un
recuncho da cidade dedicado a esta nosa insigne peregrina.
1 Así o recolle tamén J. Eduardo López Pereira, na súa obra O primeiro espertar cultural de Galicia, Ed Servizo de publicacións da USC, 1989.
Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria
www.exeria.org
• Exeria non so camiñou, senón que escribiu un Itinerario no que recolleu todas as
investigacións e impresións que a ían sorprendendo na viaxe. O Itinerario, escrito en latín
coloquial e hoxe traducido a moitas linguas, está dedicado ás súas amigas. Este feito danos
idea dunha muller investigadora, que comparte vida con outras coas que planificou a viaxe e
ás que quere facer partícipes das súas descubertas. Do mesmo xeito, as persoas que
percorran a praza Exeria estarán tamén levando a Santiago de Compostela no seu corazón, e
poderán contar de nós máis alá dos límites físicos da nosa cidade.
• Ao ser unha praza que utilizarán peregrinas e veciñas da nosa cidade, poñerlle o nome de
Exeria fará que moita xente, galega e de fóra, se acerque a esta muller da Gallaecia,
coñeza a súa obra e valore a importancia que a cultura tiña xa na nosa terra no século IV.
A nosa intención é non só darlle nome á praza senón tamén aportarlle contido por medio dunha
intervención cultural e artística que remarque a figura de Exeria e a súa importancia na cultura galega. Pensamos na posibilidade, en coordinación co Departamento de Cultura do Concello, de organizar algún tipo de acto cultural na cidade que visibilice máis aló do seu nome a esta peregrina, investigadora e escritora.
Elixir o nome de Exeria é importante porque hai moi poucas referencias a esta muller en Galicia.
Tan só un edificio das instalacións da Universidade de Vigo leva o seu nome. Se Santiago de
Compostela é a capital de Galicia e un centro de peregrinación mundial, é de lei remarcar o nome desta peregrina galega nalgún espazo de relevancia para o conxunto da cidade.
Na Asoc. Mulleres Cristiás Galegas Exeria levamos moito tempo estudando e investigando a figura de Exeria e vémonos na capacidade de dar contido e preparar desde paneis ou folletos informativos a charlas ou actos que podan amosar á cidade a historia desta muller sorprendente.
É a nos intención poñer esta petición en coñecemento de todos os grupos políticos do Concello, así como iniciar unha campaña de recollida de apoios a esta proposta facéndolla chegar ás diferentes asociacións veciñais, feministas e culturais da cidade.
E para que así conste asinamos esta solicitude
Santiago de Compostela, a 9 de decembro de 2020.
Asoc. Mulleres Cristiás Galegas EXERIA