InicioRevista de prensatemas socialesInterculturalidade, desafío para unha cultura de paz##Victorino Pérez Prieto

Interculturalidade, desafío para unha cultura de paz -- Victorino Pérez Prieto

Publicado en

Enviado a la página web de Redes Cristianas

Sermos Galiza, 11 xaneiro 2013
“Temos que desarmar as nosas respectivas culturas ao mesmo tempo (e incluso antes) que procedemos á supresión das armas… Sen o recoñecemento da interculturalidade non hai paz posible no mundo” (R. Panikkar, “Paz e interculturalidad. Una reflexión filosófica”, Barcelona 2007).

Vendo a realidade social mundial no convulso panorama actual mundial que presentaba Ignacio Ramonet nun dos seus últimos artigos, resulta evidente que, ademais dos problemas económicos, sociais e políticos, unha das fontes de violencia e, polo tanto unha das dificultades fundamentais para unha cultura de paz hoxe está nos conflitos culturais e relixiosos. As sociedades de comezos deste terceiro milenio estanse a configurar como sociedades multiculturais, multiétnicas e multirrelixiosas. O fenómeno crecente da inmigración está a introducir máis diversidade étnica, variabilidade lingüística, riqueza cultural e complexidade demográfica; pero tamén máis conflitividade nas relacións humanas, políticas, económico-laborales e mesmo ideolóxicas. A variedade de formas de entender a vida aportada polos inmigrantes cuestiona, para ben e para mal, os principios que inspiran a organización social e política dos estados democráticos. A isto compre sumar a multiculturalidade interna aos Estados plurinacionais que pretenden ser estados-nación, a pesar das comunidades históricas con marcadas diferenzas lingüísticas, culturais verbo deses Estados “nacionais”. Comunidades, a maior parte das veces, silenciadas por políticas represivas e monoculturais dos gobernos centrais, como acontece na Galiza.

Certamente, na orixe destes conflitos mundiais non hai só unha razón relixiosa. A paz da humanidade depende de ir solucionando a inxustiza que sume a grandes masas de seres humanos na explotación e a miseria; pero depende tamén da paz entre as culturas e as relixións.

Algúns, con moito eco nos medios, pensan que a solución destes conflictos está en que a cultura que representa a civilización ilustrada, científico-técnica e democrática europea-occidental, se impoña en todo o mundo; e que desaparezan as relixións, que son só fonte de conflito pola súa irracionalidade e a súa falsidade… Pero moitos máis pensamos que a solución dos conflitos non está en acabar coas culturas diferentes, nin en eliminar as relixións como presuntos redutos do pasado; non está en facer unha macrocultura única -unha civilización única: a occidental-, un pensamento único no que todos pensen e actúen de modo semellante, con pequenas diferenzas “dentro dun orden”. Senón que a solución está, máis ben, nunha auténtica interculturalidade e unha verdadeira interrelixiosidade, que se necesitan mutuamente. A interrelixiosidade supón unha axuda indispensable para ver que a salvación non ven nunca dunha única relixión; nin sequera dunha relixión laica con crentes afervoados nunha iluminada razón… E a interculturalidade resulta indispensable para no caer nunha visión monolítica fanática e bárbara da realidade.

Raimon Panikkar di sabiamente: “Querer instaurar un pensamiento único ou unha civilización única é un pecado de lesa humanidade, que se deriva de ter confundido o pensamento coa abstracción”, reducindo a homes e mulleres a unha humanidade ideal abstracta e… marcadamente occidental, que supoñen é a cultura verdadeiramente evolucionada (“Paz e interculturalidad”). E Raúl Fornet-Betancourt titula un magnífico ensaio “Interculturalidad o Barbarie”; onde di que o “defecto cardinal de gran parte da filosofía occidental dominante… é a busca de razóns absolutas e evidencias apodícticas”, que acaban poñéndose “ao servizo da afirmación da liña dominante coas súas certezas absolutas… sobre o real e o humano” (“Interculturalidad o barbarie. Once tesis provisionales para el mejoramiento de las teorías y prácticas de la interculturalidad como alternativa de otra humanidad”). Consonte con Panikkar, para este pensador latinoamericano esta filosofía occidental dominante practica o que chama “liturxia filosófica do abstraccionismo conceptual… de conceptos niveladores do real”, que esquece que no mundo real non existe esa abstracción, senón que está sempre contextualizado en experiencias e coñecementos concretos que fai a xente nas súas vidas diarias, tentando vivir con dignidade, esquece a fraxilidade dos seres humanos viventes e concretos.

A práctica da interculturalidade supón, entón, facer a crítica desa cultura filosófica dominante marcada polo ideal da presunta evidencia e a seguridade absoluta. E supón tamén unha crítica da conciencia persoal, unha autocrítica dos hábitos teóricos e prácticos que garanten as nosas propias evidencias persoais, abríndonos a outras posibilidades de ser e actuar. Cómprenos unha “rebelión contra a Lei da razón absoluta”, que di Fornet-Betancourt. Só así poderán emerxer voces e discursos liberados que fagan posible unha cultura razoada… doutra maneira.

Para esta interculturalidade, cómprenos un diálogo dialogal co outro e a súa cultura, que presupón a superación do que Panikkar chama a “epistemoloxía do cazador”; unha actividade dirixida “á caza de informacións realizada por unha ‘razón instrumental’ separada do resto do ser humano e, sobre todo, do amor”. Porque “traspasar as fronteiras culturais empuñando o fusil da ‘pura’ razón (a sóa razón) é abandonarse a un acto de violencia e de contrabando cultural” (“Paz e interculturalidad”). Fronte a esta filosofía dunha razón incontaminada, o diálogo dialogal panikkariano supón unha razón contaminada pola realidade total do ser humano, pensamento e sentimento, corpo e espírito, en diálogo aberto cos outros (“Paz y desarme cultural”, Madrid 2002). E unha razón dialóxica, máis que dialéctica, en constante apertura ao outro; unha dialóxica que supón a necesidade de desarmar a cultura dominante, en base a auténticas experiencias de diálogo; porque a imposición dun modelo cultural presentado como universal e insubstituíble, afoga esas culturas e xera a incapacidade para a escoita das culturas diferentes que leva ao odio e a guerra. Panikkar vai mesmo alén do rico concepto de inter-culturalidade, para chegar a unha intra-culturalidade, que ven ser un auténtico desafío.

Un desafío necesario porque a crise na que estamos non se vai solucionar só desde a economía, nin sequera da política, a pesares da evidente importancia destas, é unha crise cultural e espiritual que precisa abrir o mundo a perspectivas novas na que o ser humano busque unha liberación que non está nos cartos. O “no só de pan vive o home”, que dicía o Mestre de Nazaret, resulta hoxe máis actual que nunca..

Últimos artículos

La Corte Internacional de Justicia ordena a Israel que detenga “inmediatamente” la ofensiva en Rafah

eldiario El máximo tribunal de la ONU responde a una petición hecha por Sudáfrica...

«La iglesia no se salvará si no vamos todos juntos hombres y mujeres» -- Tere Zufiaur / Carmen Mediavilla / Amparo Fernández / Mertxe...

Religión Digital Mujeres en diálogo sobre la Iglesia, una interpelación decisiva Invitadas por un grupo...

Papa Francisco: ¡No al Diaconado femenino! -- Jaime Escobar Martínez, director de revista ‘Reflexión y Liberación’

Reflexión y Liberación La periodista de CBS pregunta: ‘Una niña pequeña que crece como católica...

Noticias similares

La Corte Internacional de Justicia ordena a Israel que detenga “inmediatamente” la ofensiva en Rafah

eldiario El máximo tribunal de la ONU responde a una petición hecha por Sudáfrica...

«La iglesia no se salvará si no vamos todos juntos hombres y mujeres» -- Tere Zufiaur / Carmen Mediavilla / Amparo Fernández / Mertxe...

Religión Digital Mujeres en diálogo sobre la Iglesia, una interpelación decisiva Invitadas por un grupo...

Papa Francisco: ¡No al Diaconado femenino! -- Jaime Escobar Martínez, director de revista ‘Reflexión y Liberación’

Reflexión y Liberación La periodista de CBS pregunta: ‘Una niña pequeña que crece como católica...