Enviado a la página web de Redes Cristianas
Sentimos no poder mostrar este artículo en español para que todos los lectores puedan leerlo sin dificultad, pero así nos lo han enviado (Redacción de RR.CC)
NÓS DIARIO. SEXTA FEIRA 10 DE XANEIRO DE 2020
Internacional 21
Nós Diario
Colombia: un goteo de mortes
Neste 2020, xa foron asasinadas dúas líderes sociais e dous labregos.
«2020 comezou de loito». O labrego e congresista César Pachón anunciaba no Twitter a morte na segunda feira dunha nova líder social en Colombia, un asasinato confirmado pola Gobernación de Putumayo, o departamento ao sur do país onde Gloria Ocampo desenvolvía o seu traballo como secretaria dunha xunta de Acción Comunal.
A esta morte sumábanse onte, en poucas horas, tres novos asasinatos: un contra unha líder social e os outros contra dous campesiños. Carlos Alonso Quintero e Emilio Campaña, tamén en Putumayo, e Mireya Hernández, en Hulia, son as tres persoas falecidas. Segundo un informe elaborado pola Misión de Verificacións das Nacións Unidas para o proceso de paz en Colombia, feito público o pasado 31 de decembro polo secretario xeral da ONU, António Guterres, desde 2016 contabilizáronse un total de «303 asasinatos de de-fensores de dereitos humanos e líderes sociais, 86 dos cales ocorreron en 2019 (incluídas 12 mulleres)». Unha cifra que, o Instituto de Estudos para o Desenvolvemento e a Paz (Indepaz) eleva a 250 líderes so-ciais só en 2019, principalmen-te nos departamentos do Cauca, Antioquia e Nariño.
Precisamente, o xefe da Misión de Verificación, Carlos Ruiz Massieu, mantivo na cuar-ta feira unha reunión en Bogotá co presidente colombiano, Iván Duque. O obxectivo, facer un balance sobre os avances na implementación do acordo de paz asinado polo Goberno e as Forzas Armadas Revoluciona-rias de Colombia (FARC) en novembro de 2016, despois de máis de catro anos de negociacións en Oslo e na Habana. Ruíz Massieu afirmou que o principal reto para o Estado colombiano era mellorar a segu-ridade dos membros desmobilizados das FARC e das persoas líderes sociais e defensoras dos dereitos humanos.
No citado informe do 31 de decembro, a Misión de Verificación da ONU tamén contabilizou o asasinato de 77 ex guerrilleiras e ex guerrilleiros das FARC (alén de 14 desaparicións e 29 intentos de homicidio). Unha cifra que contrasta cos 65 rexistrados en 2018, e os 31 en 2017.
«Falsidade do proceso»
Victorino Pérez Prieto, doutor en Teoloxía e Filosofía e durante anos profesor na Universidade de San Buenaventura en Bogotá, é coñecedor de primeira man ─e a pé de rúa─ do proceso que levou á sinatura do acordo de paz de 2016 e do seu desen-volvemento posterior. Segundo sinala, «o asasinato sistemático de líderes lévase facendo durante décadas, non é de agora» e, na súa opinión, «manifesta a falsidade do proceso de paz, que non foi gañado por Santos, senón por Uribe». Juan Manuel Santos era presidente de Colombia cando negociou e asinou o acordo de paz coas FARC.
Con anterioridade, fora ministro de Álvaro Uribe, presidente colombiano entre 2002-2006 e 2006-2010.
«Santos acabou arrepoñéndose a Uribe», explica Pérez Prieto, que cualifica a formación deste último como «unha especie de Vox». Centro Democrático fixo campaña polo ‘non’ no referendo sobre os acordos, ao considerar que daba excesivas garantías aos ex membros da guerrilla. Venceu na consulta por 50,21% a 49,79%, co que puido introducir modificacións ao acordo final como certa inmunidade para os militares.
«Uribe é un encantador de serpes», sinala Pérez Prieto, que salienta que Centro Democrático foi a única formación da dereita que se opuxo aos acordos. Non obstante, o seu triunfo no referendo «provocou unha gran mobilización pola paz» no país. Ademais, a derrota de Juan Manuel Santos non lle impediu ser galardoado, menos dunha semana despois, co premio Nobel da Paz nese 2016.
Terrorismo de Estado
Aínda que as Autodefensas Unidas de Colombia (AUC) se desmobilizaron entre 2003 e 2006 baixo o Goberno de Álvaro Uribe, son varios os testemuños de paramilitares que apuntan o ex presidente como «o noso comandante». A AUC foi un grupo paramilitar de extrema dereita creado a finais da década de 1990 para combater os grupos armados da esquerda que, segundo Victorino Pérez Prieto, «non só mataba guerrilleiros, senón tamén campesiños».
Ademais, explica, «Uribe multiplicou case por tres o orzamento do Exército, polo que tivo que xustificalo despois cos coñecidos como falsos positivos». Isto é, «secuestraban adolescentes, matábanos e poñíanlles o brazalete do Exército de Liberación Nacional (ELN) ou das FARC», unha situación que se daba «non só nas zonas rurais; tamén en Bogotá», e que levou á creación en 2008 do movemento Nais de Soacha (Mafapo, nas súas siglas en español) para a denunciar.
Dimar Torres
«A ese man non o hai que capturar, o que hai é que o matar porque non aguanta que vaia de engorde ao cárcere». Son as ordes do coronel do Exército de Colombia Jorge Pérez Amézquita ao cabo Daniel Eduardo Gómez Robledo, que o pasado 22 de abril torturou, castrou e asasinou o ex inte-grante das FARC Dimar Torres. Foi unha vinganza pola morte dez días antes, a causa dunha mina antipersoa, do soldado Pablo Emilio Borja García, aínda que a Fiscalía determinou que a vítima «era un campesiño, agricultor, reincorporado das FARC, baixo o proceso de paz, e que vivía con seus pais, esposa e fillos».
Un país inundado de armas e dos de maior desigualdade do mundo
O de Dimar Torres é un caso paradigmático do panorama de violencia en Colombia, mais hai outras causas. Alén do enfrontamento militar, o asasinato acabou por se converter nunha rápida forma de solucionar problemas. O Goberno acaba de prorrogar por un ano máis a norma que prohibe a tenencia de armas sen un permiso especial. Con todo, o país está anegado de pistolas. «Por menos de 300 euros pódese contratar un sicario», di Victorino Pérez Prieto, nunha Colombia onde máis de 80% dos crimes ─95%, segundo outros datos─ quedan impunes. Ademais, é un dos países máis desiguais de América Latina, situado no top ten mundial.
«Os líderes sociais asasinados son persoas que defenden os dereitos do campesiñado e os dereitos sindicais nas urbes, denominados pola dereita como ‘castrochavistas'», explica Pérez Prieto. Son líderes que enfrontan a presión das compañías mineiras, apoiadas polos gobernantes, que causan grandes estragos nas terras campesiñas. E o narcotráfico? Para Pérez Prieto, as mortes relacionadas coa industria da droga son moitas menos das que había na época dos grandes carteles de Medellin e Cali. «Hai que ter en conta ─di─ que durante a súa época dura, Colombia era o país máis violento tras do Líbano, que estaba en guerra».