Nós, mulleres crentes da igrexia galega, e con ocasión da visita do papa Benedicto XVI á nosa terra, tomamos a palabra e facémola pública -- ?Nós-mulleres-tomamos-a-palabra-na-Igrexa-galega??.

0
17

Sobre la visita del papa a España, no cesan de llegar voces pronunciándose de modo crítico en contra de dicha visita. Recibimos este comunicado desde Galicia que, aunque escrito en lengua gallega, creemos merece la pena difundir, pues no resulta difícil su comprensión (Redacción de R. C.)Ola amiga, amigo!
Mandámosche este documento que elaboramos un grupo de mulleres da Igrexa galega entre as que estou eu. Reflexionámolo e elaborámolo desde unha ansia sincera de mellora para a nosa Igrexa.
Tanto se es crente como se non o es, tanto se es home ou muller, pedímosche que o apoies coa túa sinatura reenviando o documento asinado (nome, apelidos, DNI e datos que consideren relevantes) ao correo: mulleres.nos@gmail.com

Ademais, tamén podes difundilo entre xente amiga e coñecida, en grupos, parroquias, asociacións e organizacións nas que participas… para seguir afondando nunha necesaria reflexión persoal e comunitaria sobre todas estas cuestións, acollendo as sensibilidades, perspectivas e posicións diversas das mulleres.

Tamén podes espallalo por correo electrónico para que outra xente o asine.
Que nos sigamos atrevendo a soñar cunha Igrexa e cunha sociedade máis acorde co Evanxeo e a reinventala día a día.
Saúdos agradecidos de antemán pola túa acollida e pola túa colaboración.

Colectivo ?Nós-mulleres-tomamos-a-palabra-na-Igrexa-galega??.
—————————————————-

1. Como mulleres adultas comprometidas coa Igrexa e co Evanxeo, como bautizadas con capacidade lexítima para falarlle á comunidade e como herdeiras desa liñaxe de mulleres evanxelizadoras da primeira hora que, desde o principio do cristianismo, tomaron a palabra desde a liberdade do Espírito. E por último, e non menos importante, tomamos a palabra e facémola pública desde o mandato urxente da nosa conciencia que nos move a falar e non calar, porque así o require a dignidade á que nos impulsan Xesús e a sensibilidade social actual.

E QUEREMOS DICIR:

2. Que a sociedade galega, da que formamos parte, está escandalizada polo gasto de recursos económicos, enerxéticos, mediáticos, loxísticos e de seguridade que require unha viaxe como a que o Papa vai facer a Galiza por unhas horas.

3. Que é manifesta a conivencia desta viaxe cos poderes políticos e económicos máis involutivos e conservadores da nosa sociedade, claramente alleos ás persoas máis desfavorecidas.

4. Que o Papa se está a colocar nas súas viaxes máis coma un xefe de estado que como un representante dunha igrexa e menos aínda como representante de Cristo. Perdeuse o sentido inicial da sucesión apostólica e, en pleno século XXI, a súa figura ten pouca lexitimidade nesta Igrexa carente dunha mínima articulación democrática.

5. Que se as mulleres representamos a metade da humanidade, na Igrexa somos mulleres máis do 70% das persoas participantes nos actos litúrxicos ou encargadas das tarefas de mantemento e dinamización das parroquias. Porén, somos unha maioría silenciada, sen recoñecemento dos nosos dereitos básicos e sen remuneración económica polas tarefas que sosteñen o día a día das igrexas locais. Tócanos un estatuto de menores de idade e de tuteladas que non podemos consentir.

6. Como maioría, historicamente inferiorizada, o que nos afecta como mulleres precisa ser tido en conta para ben de todas e todos, e da mesma comunidade eclesial. E así:

– Sentimos que nos está a afectar moi negativamente a maioría do pensamento sobre as mulleres transmitido pola xerarquía e os documentos da Igrexa, que pretenden manternos en papeis tradicionais de submisión e obediencia baixo unha capa superficial de idealización ?da muller??; non só non axuda a rematar coa tremenda violencia de xénero (que xa causou 56 asasinatos de mulleres no Estado e 4 en Galiza no que vai de ano), senón que mesmo pode estar a mantela en aspectos.

– Sentimos que nos está a afectar moi negativamente a énfase constante nunha doutrina eclesial involutiva en relación a cuestións de moral sexual como o divorcio ou os anticonceptivos, ou outras tan complexas e dolorosas como a sida ou o aborto, cando apenas se di unha palabra pública e comprometida sobre outras que tamén afectan á vida e ao coidado da vida: a desnutrición endémica e as causas da fame, os masacres a minorías, a explotación laboral de menores ou a explotación sexual de mulleres e nenas…

– Sentimos que nos están a afectar moi negativamente as recentes noticias de centos de curas e moitos bispos involucrados en situacións de abuso a nenos e nenas, e a pouca firmeza da xerarquía nas declaracións públicas e nas medidas tomadas, que supoñen unha vergonza moral e social para a nosa Igrexa. E de por parte, sen xerar unha reflexión básica para unha nova comprensión da sexualidade e do celibato obrigatorio cara unha vida saudable na Igrexa.

– Sentimos que nos está a afectar moi negativamente a prohibición do ministerio do sacerdocio ás mulleres, unha falta básica ao dereito á igualdade que está a frear a renovación da Igrexa, xa que as mulleres con vocación sacerdotal enténdena, na súa maioría, desde unha clave comunitaria. Outras igrexas cristiás gozan del desde hai anos: así, a igrexa presbiteriana de Estados Unidos desde finais do século XIX, a igrexa luterana de Dinamarca desde o ano 1948 ou a igrexa anglicana desde 1994.
Isto contrasta, e gravemente, coas últimas normas de dereito canónico coas últimas normas de dereito canónico feitas públicas en xullo pasado que recollen a ordenación de mulleres coma un delitos máis graves equiparándoo á pederastia.

TENDO EN CONTA ESTAS E OUTRAS MOITAS CIRCUNSTANCIAS E VALORACI?NS:

QUEREMOS DICIRLLE A TODA A SOCIEDADE GALEGA DA QUE NOS SENTIMOS PARTE ACTIVA:

1. Que a mensaxe cristiá non é unicamente o que transmite o Bispo de Roma ou a Conferencia Episcopal Española. Hai outras palabras na Igrexa, outros xeitos de vivir como mulleres e homes crentes e de entender a vida e a fe. Abondan exemplos ao longo da nosa historia e na actualidade.

2. Que cada persoa, cada colectivo, cada relixión, cada sociedade teñen as súas propias palabras, únicas e valiosas; por iso apostamos por unha Igrexa de comunidades que non se erixa nin en xuíz doutras relixións nin do pensamento laico e, no entanto, escoite e comparta buscas comúns.

3. Que moitos e moitas de nós estamos a traballar por esa ?outra Igrexa posible?? máis próxima á vida do día a día, máis organizada cos sectores sociais empobrecidos, máis respectuosa coa diversidade e máis celebradora da bondade da vida.

QUEREMOS DICIRVOS A V?S, HOMES LAICOS, CURAS, MONXES E BISPOS, COMPA?EIROS DE CAMI?O NA IGREXA GALEGA:

1. Que, nosoutras, mulleres, enchemos os templos, animamos as catequeses de crianzas, de mocidade e de xente adulta, dinamizamos as comunidades, formámonos na fe e estudamos teoloxía, sostemos economicamente as parroquias, impulsamos e participamos en movementos de Igrexa, apoiamos iniciativas eclesiais en favor dos sectores marxinalizados…

2. Que, posto que traballamos activamente na Igrexa e a estamos sostendo, queremos que se abran espazos onde a nosa palabra diferente sexa escoitada.

3. Que, posto que traballamos activamente na Igrexa e a estamos sostendo, queremos sentirnos recoñecidas e valoradas no que achegamos.

4. Que, posto que traballamos activamente na Igrexa e a estamos sostendo, queremos poder decidir sobre as cuestións que nos afectan directamente

5. Que, posto que traballamos activamente na Igrexa e a estamos sostendo, queremos compartir con vós as decisións que afectan á vida da Igrexa

QUEREMOS RECORDARNOS A N?S, MULLERES LAICAS, RELIXIOSAS E MONXAS DA IGREXA GALEGA:

1. Que na actualidade, unha das chamadas do Espírito e un dos maiores servizos ao Evanxeo é afondar na nosa conciencia de mulleres desde a propia situación social e eclesial para, desde aí, promover unha necesaria apertura na Igrexa.

2. Que para iso, necesitamos escoitarnos interiormente desde o Espírito como mulleres, e tamén falar e facer camiño con outras mulleres.

3. Que, posto que traballamos activamente na Igrexa e a estamos sostendo, precisamos tomar decisións sobre as cuestións que nos afectan directamente.

4. Que, posto que traballamos activamente na Igrexa e a estamos sostendo, precisamos reclamar poder compartir as decisións que afectan á vida da Igrexa.

Colectivo ?Nós-mulleres-tomamos-a-palabra-na-Igrexa-galega??

Galiza, outubro de 2010

Eu,…………………………………………………………………………..(nome e apelidos)
DNI……………………………………………………………………………………………………(profesión, organización ou colectivo )