Os colectivos e movementos católicos de base de toda España celebran en Santiago a súa cuarta asemblea na que debaten sobre unha transformación democrática da Igrexa e da sociedade. Organizados na plataforma Redes Cristiás, este mediodía manifestáronse en contra das políticas neoliberais e a perda de dereitos sociais da cidadanía.
Baixo o lema «Cambiando realidades, provocando rebeldías, con Xesus de Nazaret» arredor de 200 persoas saíron á rúa para esixir unha sociedade máis xusta.
Unha das voceiras, Raquel Mallavibarrena dicía que o Evanxeo é unha rebeldía e unha aposta pola transformación do mundo buscando a xustiza e os dereitos da persoa.
As esixencias desta plataforma son comúns ás de moitos outros colectivos, na busca dunha transformación política que supoña tamén un cambio social. Evaristo Villar destacou que como cristiáns eles están tamén en contra dos desafiuzamentos, dos recortes nos servizos públicos e antepoñen a todo os dereitos humanos.
Esta plataforma agrupa máis de 200 colectivos, que pretenden visibilizar unha igrexa afastada da xerarquía eclesiástica. Así o reflicte Josecho Barca que asegura que os católicos de base participan en moitos colectivos sociais sen que teñan que estar identificados como católicos, e que ese é o seu lugar. A manifestación rematou na praza do Toural cuns paraugas abertos que anunciaban a súa «rebeldía».