Estamos asistindo desde hai tempo, e de forma máis urxente e en directo nos últimos dous anos, ao xenocidio do Pobo Palestino; coa pasividade da maioría dos países que non se atreven a impoñer sancións a Israel, coa inoperante labor da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, co consentimento do goberno de Estados Unidos e a falta de contundencia da Igrexa Católica na condena destes feitos.
Nestes dous anos teñen morto máis de 70.000 palestinos entre eles nenos/as, civís, médicos voluntarios, periodistas… ben polos ataques de Israel, ben pola prohibición de entrada de alimentos en Gaza por parte de Israel que ten causado, ademais da destrución, unha fame inhumana.
Desde a sociedade civil estase dando una resposta de protesta con manifestacións multitudinarias en moitos países, con flotillas solidarias, denuncias diante da comunidade xurídica internacional e boicoteo de actos onde participa a representación Israelí.
Este recente acordo de tregua, parécenos insuficiente e estamos constatando que Israel, unha vez máis, segue incumprindo os acordos que asina.
Como Espazo de Encontro de Crentes Galegas/os, desde a nosa fe en Xesús e a nosa crenza en Deus Amor, liberante da opresión, defensa da vida e da xustiza, solidarizámonos co Pobo Palestino e instamos aos gobernos, a que recoñezan o Estado da Palestina e a que cumpran e fagan cumprir as medidas cautelares adoptadas polo Tribunal Internacional de Xustiza en canto á suspensión de todo comercio de armas e material de defensa con Israel.
Parécenos que non sería xusto que, con este acordo de alto ao fogo, quedara impune o xenocidio que Israel cometeu e segue cometendo en Gaza, e os crimes de guerra que ten cometido o goberno e o Exército Israelí. O Pobo Palestino necesita unha Paz, unha xustiza e unha terra para vivir digna e humanamente como pobo.
Galicia, Decembro de 2025
Espazo de Encontro de Crentes Galegas/os

